Colgador de corazón

Colgador de corazón

Imos realizar unha manualidade moi sinxela, bonita e económica. Neste caso fixemos un corazón pero podemos utilizar calquera forma que se nos ocorra coa mesma técnica, como pode ser unha bolboreta, unha flor, un bico, etc. Ademais podedes ver o vídeo da súa realización na nosa canle de Youtube premendo en "Colgador de corazón".
*Materiais que imos necesitar:*
  • Cartón.
  • Tesoiras.
  • Papel de seda vermello.
  • Pegamento ou cola.
  • Cordón ou corda grosa.

Debuxamos un corazón nun cartón e recortámolo. Serviranos de base para a nosa manualidade.

Plegamos o papel de seda e cortamos cadrados de papel de 4x4 centímetros aproximadamente.

Botamos o pegamento nunha parte da base de corazón e comezamos a pegar conos de papel de seda.

No vídeo podedes ver detidamente como realizar os conos para pegalos na base. Realizamos este paso ata encher todo o corazón.

Deixámolo secar, e unha vez seco facemos dous buratos nos extremos superiores e pasamos o cordón. Podemos asegurar o cordón pola parte de atrás pegando dous anacos de goma eva con silicona quente.

Xa o temos listo para decorar calquera lugar ou para regalarllo a alguén moi especial. Tamén nos pode servir como manualidade realizada cos nosos nenos para celebrar o día da familia ou San Valentín.
Aquí tedes o debuxo de corazón que utilizamos como molde: Debuxo corazón