Traballamos a conciencia fonolóxica

Traballamos a conciencia fonolóxica

A conciencia fonolóxica é a capacidade para comprender que a linguaxe está formada por elementos máis pequenos (palabras, sílabas, fonemas) e desenvolver a habilidade para manipular eses elementos ou segmentos conscientemente.
Imos traballar a conciencia fonética a través do coñecemento e aprendizaxe dos fonemas das vogais co material das casiñas das vogais. E coas casiñas das sílabas imos centrarnos no traballo da conciencia silábica.
Estas casiñas resultan ser moi motivadoras para aprender xogando cos nosos nenos, ademais de contribuír á iniciación nas habilidades lectoescritoras, á ampliación de vocabulario, e ao desenvolvemento da motricidade fina, da expresión oral e da atención.
Podemos iniciar o xogo desde os tres anos coas casiñas das vogais en maiúscula e pouco a pouco ir introducindo as consoantes maiúsculas en catro anos. A partir dos 5 anos (sempre tendo en conta o nivel madurativo dos nosos nenos) podemos xogar con todas as casiñas en letra minúscula.
Como se xoga?
Previo ao xogo mostraremos as tarxetas das imaxes e iremos nomeando a imaxe que aparece, poñendo especial interese en como soa a letra ou sílaba pola que empeza. Tamén ensinaremos as cinco casiñas e veremos quen vive aí.
Para empezar o xogo repartiremos as tarxetiñas das imaxes aos nenos e poñeremos as casiñas pegadas nalgún lugar visible para todos (por exemplo, na lousa). Despois, por orde cada neno/a dirá en voz alta o nome da imaxe que ten na súa tarxeta e colocaraa na casiña correspondente. Como apoio visual podemos ir escribindo á vez que o din as palabras na lousa para aqueles que poidan ter ao principio maior dificultade na súa realización. Acaba o xogo cando se completaron as cinco casas de forma correcta. A min encántame equivocarme cando é a miña quenda pola expectación que xera cando se dan conta de que a profe se equivocara, e xa lles recordo que non pasa se nos equivocamos, que esas cousas nos suceden a todos.
Unha vez que practiquemos o xogo en gran grupo, o material colocarase no recuncho das letras para que poidan xogar con el en pequeno grupo ou de forma individual.
Podemos xogar da forma que se nos ocorra, no cole e na casa para axudar aos nosos pequenos na iniciación á lectoescritura xa que é un material educativo con moitas posibilidades de posta en marcha.
Déixovos un vídeo para que poidades ver un exemplo de utilización do material. Ademais, pinchando en Casiñas das vogais podedes atopar o recurso das casiñas das vogais e na tenda dispoñedes doutras casiñas para aprender diferentes sílabas, como as casiñas da p, as casiñas da l,...